24/5/13

A ESPANTALLA LÚA

Como ben sabedes, este ano temos unha pequena plantación de amorodos, que coidamos con moito cariño. Agora, comezan a madurar algúns amorodos e presentóusenos un pequeno problema: ¡os paxaros non deixaban unha! Despois de matinar un pouco, nunha solución para aquel problema, os nenos e nenas decidiron que o mellor era facer un espantallo. E así foi como Lúa comezou a formar parte das nosas vidas. ¡Botádelle un ollo ó vídeo e coñecerédela!


21/5/13

VISITA DO ESCRITOR RICARDO GÓMEZ

Este martes, recibimos no Centro a visita do escritor Ricardo Gómez. Como ben sabedes, este ano todo o centro traballou unha das súas obras "Ojo de Nube", nun Proxecto desenvolvido en colaboración co Club de Escritura Telémaco e a Asociación Española de Lectura e Escritura, coordinado por Laura Benítez.  Ricardo comezou a súa charla expresando a ilusión que lle facía coñecer  os seus lectores. Logo, foi respondendo ás preguntas dos nenos e nenas  relacionadas con esta estupenda obra, comentando detalles interesantes atopados na lectura, e  cuestións relacionadas co seu oficio de escritor.

17/5/13

150 ANIVERSARIO DE CANTARES GALLEGOS

 Este ano 2013 celébrase o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de  Castro,o día 17 de maio de 1863, aniversario de Manuel Murguía no que a súa compañeira lle ofrecía este poemario como sinal de amor mutuo e compromiso por Galicia, foi  o primeiro libro escrito integramente en lingua galega. Para homenaxeala os nenos e nenas de 5 anos recitaron e ilustraron  un dos seus poemas."¡Canta paxariño, canta..." ¡Botádelle un ollo!

16/5/13

CLUB TELÉMACO

    O Club de Escritura Telémaco posto en marcha pola Fundación SM e a Asociación Española de Lectura e Escritura (AELE), organiza este proxecto co que pretende fomentar o acercamento dos nenos/as e adolescentes á literatura.
   Este curso, todo o centro, infantil e primaria,  participa nun Proxecto do Equipo da Asociación Española de Lectura e Escritura (AELE). Dirixido por Estela D´ Angelo Menéndez e coordinado por Laura Benítez Sastre. A obra literaria coa que imos traballar é "Ojo de Nube" do escritor Ricardo Gómez.
Para máis información:  http://www.clubescrituratelemaco.org/index.php


15/5/13

RAPEANDO CON AÍD A ROSALIA DE CASTRO

Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Como vos anunciamos en días anteriores, a rapeira AÍD e unha grande admiradora de Rosalía de Castro, da cal interpreta algúns poemas a ritmo de rap no seu disco libro RAPOEMAS. Os nenos e nenas de 5 anos bailan a ritmo de rap os temas: "Apréndeo" e "Adeus ríos, adeus fontes" (poema de Rosalia). ¡Botádelle un ollo!

14/5/13

ENTREGA DO V PREMIO MIMI Ó PERSOEIRO DO ANO

Hoxe, fixemos a entrega do V Premio Mimi á rapeira viguesa AÍD. Como ben sabedes, este galardón é un recoñecemento a aquelas persoas que utilizan e fomentan o idioma e a cultura galega. O premio é unha talla elaborada por Rodríguez Remiseiro. Aid interpretou co alumnado de 5º, encargado de levar adiante este proxecto cada ano, o tema "Apréndeo" que tanto cantamos estes días no cole. Tamén nos confesou que Rosalia de Castro era para ela "o seu ídolo e unha gran muller". Regalounos a interpretación a ritmo de rap do poema "Adeus ríos, adeus fontes" recollido no seu disco libro " Rapoemas" da editorial Galaxia, que inclúe un bo feixe de poemas de Rosalía de Castro a ritmo de rap. ¡Podedes botarlle un ollo ó vídeo!

3/5/13

CANDIDATOS PREMIO MIMI 2013

Os alumnos/as de 5º fixeron a presentación dos candidatos á V edición do Premio Mimi. Os candidatos propostos este ano foron: Agustín Fernández Paz (escritor), Ángel Alfonso Piñeiro (mestre no centro durante 25 anos), Os Axóuxeres (serie debuxos emitida por tvG2 ; son unha familia divertida de monecos que vive  encol dunha mesa no dormitorio dun neno), Fina Casalderrey (escritora) e Aída Alonso Iglesias ( coñecida como AID, cantante e compositora de música urbana).  De seguido, fixéronse as votacións e tralo escrutino saiu como gañadora, cunha gran vantaxe, a rapeira galega "AID".