31/5/16

EXCURSIÓN FIN DE CURSO

Xa estamos a piques de rematar o curso e para facelo dun xeito especial, despois de tantos bichos e animais que estivemos a investigar, decidimos ir de excursión ó Zoo de Vigo cos nenos e nenas de 4 e 5 anos. Estaban moi ilusionados e non lles daba chegado o día. Pasaron unha mañá moi entretida na compaña dunhas monitoras que lles ían dando información dos animais que alí viven. ¡Botádelle un ollo o vídeo!

30/5/16

ENTREGA DO VIII PREMIO MIMI

Este 30 de maio, a produtora audiovisual galega "Páramo Picture" recibiu o VIII Premio Mimi ao persoeiro do ano, otorgado polo CEIP Amor Ruibal. Como xa sabedes, este galardón é un recoñecemento a aquelas persoas que utilizan e fomentan o idioma e a cultura galega. O premio é unha talla do mapa de Galicia, elaborada por Rodríguez Remiseiro, escultor de Barro. Acudiron a recollelo,  dous dos seus integrantes, Daniel Moreira e Iván Capón. Trala recollida interpretaron co alumnado de 5º, encargado de levar adiante este proxecto, o seu novo tema "Préndeme o boi" (baseado no tema orixinal "Duele el Corazón"), o famoso"Eu vou estalar" (coñecido coma o "Gangnam Style Galego") e, tamén nos agasallaron cun anaco da "Bertolina" (a "Adrenalina galega"). ¡Podedes botarlle un ollo ó vídeo, veredes que troula!

Aquí vos deixamos algunhas das fotos que nos fixemos con eles:

TALLER DE BICHOS

Unha das actividades que estivemos a desenvolver para o Proxecto "Menuda Bichería", no que está traballando todo o centro, foi a elaboración de diferentes bichos empregando e reutilizando diferentes materiais. Aquó vos deixamos algunhas fotos dos que fixemos. ¡Mirade que bonitos!

27/5/16

CARMEN A AVOA DE SERGIO VEU Ó COLE

Esta semana recibimos a visita da avoa Carmen a de Blanca a mamá de Sergio que aceptaron a nosa invitación para vir ó cole. Con elas pasamos un rato moi agradable cantando algunhas cantigas populares galegas. ¡Moitas grazas pola vosa asistencia! ¡Foi un pracer tervos no cole! ¡Botádelle un ollo o vídeo e veredes que ben o pasamos!

INVESTIGAMOS BICHOS

Todo o alumnado do centro está a traballar no Proxecto Menuda Bichería. Os nenos e nenas de 5 anos do grupo A e B fixeron investigación de algúns bichos. Buscaron información na Biblioteca do cole, na internet, en libros, xornais... para responder ás preguntas que se formularon ó comezo do proxecto. Aquí tendes o resultado da investigación. ¡Botádelle un ollo!

24/5/16

LETRAS GALEGAS 2016

Este ano o día das Letras Galegas lembra a Manuel María Fernández Teixeiro que naceu en Outeiro de Rei, na Terra Cha luguesa, en 1929. Destacou polo seu carácter combativo e reivindicativo e polo seu compromiso político e cultural co nacionalismo galego. Comezou a publicar dende moi novo. “Muiñeiro de brétemas” o seu primeiro libro de poemas editouno con só 21 anos. É autor dunha chea de libros, utilizando todos os xéneros literarios: poesía, narrativa, teatro... sendo un dos poetas galegos máis musicados de todos os tempos. Os nenos e nenas de infantil traballaron algunhas das súas poesías: "O arco da bella", "O caracol" e " A roda roda"; recollidos no libro "OS SOÑOS NA GAIOLA". Todos os nenos e nenas debuxáronse para representar no corredor do cole as rodas. ¡Quedaron moi ben! ¡Botádelle un ollo! Aquí vos deixamos o traballo de aula dos alumnos/as de 5 anos, para o cal ilustraron e cantaron as poesías. ¡Podedes botarlle un ollo!

23/5/16

ENTREGA DE AGASALLOS POLO CONCURSO DOS CONTOS

O pasado día 20 de maio, o alcalde de Barro o Sr. Abraldes acompañado de Pili estiveron na Biblioteca do cole para entregarnos os agasallos por participar no concurso "Cóntame un conto veciño". Se queres saber máis preme AQUÍ.

19/5/16

OS AVÓS DE PAULA, JUAN E CARMEN, VEÑEN Ó COLE

Este mes para celebrar o día das Familias convidamos ós avós a vir ó cole para pasar con nós un ratiño entrañable. O avó Juan veu para tocar a armónica mentres cantabamos cantigas populares e a avoa Carmen veu para ensinarnos a xogar ó burro coas cartas. ¡Moitas grazas pola vosa asistencia! ¡Foi un pracer tervos no cole! ¡Botádelle un ollo o vídeo e veredes que ben o pasamos!

16/5/16

DÍA DA FAMILIA

Para conmemorar o día das Familias, o 15 de maio, organizamos unha exposición co traballo que foron facendo os nenos e nenas de 5 anos coa axuda das súas familias durante o curso. Tiñan que contarnos cousas que facían durante a fin de semana en familia, é dicir, o sábado e mailo domingo. Dende aquí queremos agradecer a vosa colaboración. ¡Botádelle un ollo á exposición!

11/5/16

VIII PREMIO MIMI

Nesta edición o gañador do concurso VIII Premio MIMI ao Persoeiro do Ano que se celebra no noso centro foi a productora audiovisual "Páramo Pictures"
Si queredess saber máis sobre como desenvolvimos este proxecto no noso centro, premede no enlace ao blog da biblioteca:



3/5/16

CANDIDATURAS PREMIO MIMI 2016

Reunímonos un ano máis na biblioteca do centro para escoitar a exposición que fixo o alumnado de 5º curso responsable do proxecto. Presentáronnos as cinco candidaturas sobre as que investigaron este curso.

PLANTAMOS EN PRIMAVERA

Xa estamos en primavera e este ano plantamos algunhas plantas e arbustos fóra do colexio nos xardíns que rodean o pavillón. Tamén plantamos sementes de herba en vasiños de plástico, ós que antes lles puxemos uns ollos e unhas bocas, coa idea de que cando lles medrase a herba poderiamos facerlles diferentes peiteados. ¡Traballamos moito! ¡Botádelle un ollo o vídeo e veredes!